O Grupo Socialista no Congreso dos Deputados presenta unha proposición non de lei para que a Xunta instale Hemodinámica 24 horas
López Orozco dille a Castiñeira que presente a licenza para calar bocas
José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, acompañado de Ana Prieto Nieto e Ana González Abelleira, deu a coñecer hoxe que unha das principais demandas en materia de sanidade do programa electoral do PSdeG-PSOE é a reclamación dos servizos que faltan no HULA. “Compartimos a preocupación dos lucenses e por iso imos esixir, pedir, rogar que a Xunta de Galicia solucione este problema” e lembrou a dobre solicitude que fixo, dende o Concello, para reunirse co Presidente da Xunta e tratar de chegar a un acordo; petición que non tivo aínda resposta.
Por este motivo, López Orozco volveu enviarlle unha carta a Feijoo, a terceira, reclamando esa xuntanza e, no envío, incluíuse a camiseta deseñada pola Plataforma Cidadá que reivindica a implantación de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. López Orozco agarda que “a camiseta sirva para abrandarlle o corazón e que o mova a obrar con xustiza para que os lucenses dispoñamos por fin dos servizos reclamados porque os lucenses non somos cidadáns de segunda”.
Proposición non de lei dos socialistas no Congreso
Na presentación desta mañá, Margarita Pérez Herráiz, deputada por Lugo, explicou que o Grupo Parlamentario Socialista, ante a inacción da Xunta de Galicia, presentou á Mesa do Congreso unha Proposición non de Lei sobre a dotación das salas de Hemodinámica do Hospital Lucus Augusti de Lugo. “A nosa preocupación pola situación do Hula ratifícase coas estatísticas que sinalan que a mortalidade media por infarto de miocardio en Lugo duplica a media estatal, o que merece unha explicación, unha reflexión e un estudo. Os socialistas tratamos de presionar para que se corrixa esta falta dende o Concello, a Deputación de Lugo e desde o Parlamento de Galicia e, aínda que a sanidade é competencia autonómica, trasladamos a nosa preocupación ó Congreso dos Deputados”.
A proposición non de lei quere que o Goberno, coas súas competencias, abra un expediente á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que permita a instalación dunha sala de hemodinámica para corrixir esta situación que prexudica a saúde dos habitantes da provincia de Lugo. Cúmprese así a promesa feita por Pedro Sánchez, á Plataforma Veciñal, na súa visita a Lugo.
Amosar os papeis para calar bocas
En referencia á legalización da urbanización de Santa Mariña, no Concello do Corgo, casa de Jaime Castiñeira no concello do Corgo, onde Jaime Castiñeira ten unha casa, López Orozco foi rotundo “o que ten que facer é amosar esa licenza”. Engadiu que, do contrario, a cidadanía lucense e galega, saberán facer a súa lectura.
Con todo, o candidato socialista sinalou que “o que máis me importa neste período de eleccións é presentar o noso proxecto de Concello e debatelo, aínda que haxa persoas que están noutras cousas. Deben aguantar as circunstancias e facer o que fixen eu: presentar os papeis no xulgado sen que mos pediran, é a mellor maneira de calar tódalas voces”.