López Orozco quere un Lugo onde vivir e no que traballar, un Lugo de oportunidades, coas contas ben feitas e orgulloso de si mesmo
Os socialistas lucenses celebraron hoxe un acto de campaña na Praza de Santo Domingo reivindicando os dereitos das mulleres e presentando as propostas de igualdade do seu programa electoral.
José López Orozco salientou que os seus gobernos sempre defenderon a igualdade cidadá e, especialmente, a igualdade das mulleres porque “non pode haber diferenzas e moito menos pode permitirse que unha muller morra polo feito de selo. Contra as causas e contra as consecuencias estaremos sempre traballando”. Neste ámbito, o programa socialista recolle diferentes propostas recibidas da sociedade lucense “que asumimos como un compromiso e unha obriga” e que presentaron varias integrantes da lista do PSOE de Lugo.
Lara Méndez, vicepresidenta da Deputación e candidata número 2, sinalou como obxectivo a potenciación da creación de empresas lideradas por mulleres e o seu crecemento e consolidación empresarial, o apoio á muller rural promovendo o seu desenvolvemento social e laboral a través, entre outras medidas, dun plan de emprego no rural centrado na expansión e promoción dos seus produtos. Ademais, apuntou o reforzo do respaldo ó deporte feminino.
A candidata número 3 da lista dos socialistas lucenses, Ana Prieto Nieto, relatou as propostas para a conciliación da vida familiar, laboral e participativa como a adaptación dos horarios de atención cidadá das oficinas municipais, amais da aposta pola administración electrónica; a creación dun Centro de Recursos para a Infancia e a Adolescencia que permita unha mellor conciliación da vida familiar e laboral dos lucenses, adaptándose ás necesidades básicas, formativas e de lecer de cada unidade familiar e o desenvolvemento dunha asesoría xuvenil especializada no fomento da igualdade entre homes e mulleres dende idades temperás.
Ana Abelleira, candidata número 8, destacou a paixón dos socialistas por un Lugo de todas e todos polo que poñerán en marcha a Concellería de Igualdade, Diversidade e Inclusión, o desenvolvemento do IV Plan Local de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes de Lugo, e o apoio decidido á muller, especialmente á muller rural, muller xitana, muller inmigrante e muller con discapacidade potenciando o seu desenvolvemento social, laboral e cultural. Por outra parte, os socialistas comprométense a dar prioridade nas axudas ó alugueiro á mocidade, ás persoas maiores, as que foran desafiuzadas e as mulleres vítimas da violencia de xénero.
Marta Jato, candidata número 12 dos socialistas lucenses, mencionou a posta en marcha das garderías infantís municipais como unha das medidas importantes dos gobernos de López Orozco en materia de conciliación e de dotacións educativas, fóra das súas competencias e consecuencia da inacción e desatención da Xunta de Galicia, polo que reclamarán estes servizos ante o Goberno autonómico. Ademais, promoverán a construción de CEIP nas zonas de crecemento da cidade cedendo terreos onde sexa necesario, como é o caso do Sagrado Corazón ou a zona sur da cidade e colaborarán coa Axencia Galega de Benestar e coa Fundación Amancio Ortega para a creación dunha escola infantil no barrio de Albeiros.
O Lugo das persoas e do traballo
López Orozco remarcou hoxe o modelo de Concello que quere para os próximos catro anos “un Lugo das persoas e das oportunidades, un Lugo no que vivir e traballar, un Lugo coas contas ben feitas e un Lugo orgulloso de si mesmo”.
Para conseguir ese obxectivo o piar do goberno socialista de Lugo será o impulso do emprego, coa posta en marcha dun plan de emprego rural e coa xeración de postos de traballo na construción cun modelo máis sostible financiado con Fondos Europeos, que nestes anos serviron para dar emprego a máis de 500 lucenses. Tamén contemplan medidas para dinamizar a economía como as axudas á pequena empresa e ós autónomos, o mantemento dos impostos, tamén do IBI, que seguirá conxelado, a baixada das taxas por ocupación da vía pública e a bonificación do 50% do imposto de construción nas Gándaras. Ademais, López Orozco comprométese a seguir axudando ás familias e a quen máis está a sufrir as consecuencias da crise económica “seguiremos axudándoas; quedarán obras sen facer pero non deixaremos persoas desatendidas, seguiremos axudándoas a pagar facturas, axudándoas no aluguer e prestándolle aqueles servizos que sexan necesarios”.
Último día de campaña
Na última xornada desta campaña electoral municipal, José López Orozco, no nome da candidatura socialista, valorou positivamente o traballo feito e chamou á participación cidadá nos comicios “unha vez que a xente escoitou a tódolos políticos, debe pensar cal é a opción que mellor vai defender os intereses dos Concello e deben tomar esa decisión libre e responsablemente o domingo. Que voten porque é un deber e un dereito e unha maneira de escribir unha nova páxina da democracia”.
A candidatura do PSOE de Lugo remata esta campaña 2015 con visitas ós barrios de Abuín, As Gándaras e Albeiros nos que se reúnen coa veciñanza e cun percorrido polas rúas do casco histórico da cidade.