A candidatura socialista promoverá a construción de novos CEIP nas zonas de crecemento poboacional e colaborará na construción dunha nova escola infantil en Albeiros

José López Orozco e a candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo presentaron hoxe as propostas do seu programa electoral no ámbito educativo. Dixo Orozco que “os socialistas lucenses apostamos pola educación de maneira interesada porque queremos saír da crise e o mellor xeito é mediante a educación; na medida en que haxa xente mellor formada, haberá máis oportunidades, polo que deben complementarse con medidas de emprego, que tamén reforzaremos”.

López Orozco comprometeuse a promover a construción de novos CEIP nas zonas de crecemento da cidade, cedendo terreos onde sexa necesario, como é o caso do Sagrado Corazón ou a zona sur da urbe. Precisamente, nesta área os pais e nais reclaman a construción dun novo centro de primaria e o candidato socialista amosou o seu descontento e descordo coa decisión da Consellería de Educación que considera que non é preciso e, así, rexeita a petición cidadá. López Orozco reclamoulle á Consellería esa necesidade sinalando que “seguiremos reservando os terreos que temos no polígono de San Fiz para que estean dispoñibles se algún día se deciden a facer ese centro”.

Ademais, o candidato do PSdeG-PSOE anunciou que o Concello colaborará coa Axencia Galega de Benestar e coa Fundación Amancio Ortega na creación dunha escola infantil no barrio de Albeiros. “Hai problemas de prazas para educación infantil e tamén secundaria nesta zona que experimentou un grande crecemento e debemos dotar á cidadanía de medidas que recollan as necesidades xurdidas con este desenvolvemento”.

Outra das propostas do programa socialista citada por López Orozco é a colaboración coas ANPAS na posta en marcha e mellora dos comedores escolares e das actividades extraescolares e a consolidación do programa de almorzos saudables, co que os nenos e nenas aprenden a levar unha alimentación saudable. Ademais, para impulsar unha formación completa, os socialistas afianzarán os hortos escolares nos centros educativos do Concello e crearán un Centro de Recursos para a Infancia e a Adolescencia que permita unha mellor conciliación da vida familiar e laboral das familias.

Ademais, López Orozco comunicou a intención de darlle un novo pulo á celebración do pleno infantil que serviu para atender as demandas dos máis cativos, referíndose ó parque infantil da Praza de Augas Férreas, onde se celebrou o acto de presentación, que foi “unha petición do pleno infantil”.

Propostas para educación secundaria e universitario
O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Lugo manifestou a súa crenza na “educación que forma totalmente ás persoas; os centros forman intelectualmente pero dende o Concello queremos colaborar nunha educación paralela”. Por iso, traballarán en secundaria por formar á mocidade en educación viaria, de saúde; desenvolverán campañas educativas e talleres de información e prevención, xunto co profesorado e a familia.

No campo da educación superior, López Orozco sinalou que “somos exemplo de colaboración, como Concello, coa Universidade. Temos asinados numerosos convenios e engadimos un máis: as bolsas remuneradas para graduados lucenses que necesiten completar a súa formación no estranxeiro”. Ademais, acadarán co Campus de Lugo un pacto educativo para detectar nichos profesionais e fórmulas de emprego en beneficio da cidadanía do Concello e da provincia, para iso reforzarán os programas de formación da xuventude, especialmente naquelas áreas que demanda a empresa.