A candidatura socialista celebra un acto literario reivindicando a lingua e cultura propias no Día das Letras Galegas

López Orozco comprométese a defender os intereses de Lugo fronte á Galicia Atlántica

A candidatura socialista do PSdeG-PSOE de Lugo, encabezada por José López Orozco, celebrou hoxe na Praza Anxo Fernández Gómez un acto literario con motivo do Día das Letras Galegas no que leron textos de Rosalía, Cunqueiro, Darío Xohán Cabana, Luz Pozo Garza, Paco Martín ou Claudio Rodríguez Fer e no que participou José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdG-PSOE, amais dos deputados autonómicos Concepción Burgo e Vicente Docasar, a deputada no Congreso Margarita Pérez Herráiz e o senador Ricardo Varela.

López Orozco reafirmou o compromiso dos socialistas “coa cultura e co sinal de identidade da nosa cultura que é a lingua galega. A cultura faranos libres, como dixo Pedro Petouto, por iso reivindicamos que o Día das Letras Galegas sexa tódolos días porque iso é o que nos define como pobo, iguálanos a tódolos galegos. A lingua non é patrimonio de ninguén senón de todos e cada un de nós e non nos separa de ninguén senón que nos une a moita xente”. Tamén eloxiou o labor das asociacións lucenses que traballan pola cultura galega.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gómez Besteiro, que leu un extracto do discurso de ingreso de Ramón Piñeiro na RAG, criticou a situación actual da lingua e cultura galega que “sofre o desprezo de que ten a responsabilidade de potenciala e poñela en valor”, engadindo que “non investir no noso idioma, non invenstir na nosa cultura, non é unha opción”.

A cultura como piar do programa socialista

José López Orozco falou hoxe das propostas electorais do seu programa na área de cultura, entendida como identidade e como riqueza, con dous grandes obxectivos: situar o Vello Cárcere e o Auditorio como espazos referentes da vangarda cultural e facilitar o acceso á cultura de toda a cidadanía a través dun bono para estas actividades. Ademais, asegurarán a accesibilidade universal da oferta municipal e prestarán os espazos públicos para o uso dos artistas lucenses e de fóra.

O candidato socialista explicou que potenciarán a cultura e as grandes citas culturais como atractivo turístico para que Lugo sexa centro de atención e visita todo o ano. Tamén menciounou o proxecto de realización dun parque dedicado ós romanos e castrexos, en colaboración coas asociacións, para poñer máis en valor a historia lucense e a concesión de axudas para que a mocidade do Concello realice estudos artísticos fóra de Galicia, en distintas especialidades. López Orozco insistiu que non cesarán na súa esixencia á Xunta de Galicia para que constrúa o Museo Nacional da Romanización no Cuartel de San Fernando.

As defensa socialista dos intereses de Lugo

Con respecto ás enquisas electorais, o Alcalde e candidato á reelección declarou que miden a situación nun momento determinado pero a enquisa real é “a do día 24 e estou seguro de que vou ter unha maioría que me permita seguir gobernando o Concello de Lugo”.

Neste escenario, sinalou que para os lucenses será positivo contar cun goberno socialista que defenda os seus intereses porque Lugo ten que reivindicar aquilo que se lle debe fronte á Galicia Atlántica, que se está desenvolvendo. “É o momento de Lugo, o momento da Galicia interior que se despoboa e esa é a responsabilidade que defenderei por enriba de todos e ante todos, se os lucenses me dan a súa confianza o día 24”. E engadiu López Orozco que as demandas do prometido para Lugo e non cumprido son imprescindibles para que “siga medrando ó igual que medra a Galicia Atlántica. Non lle quero quitar nada a ninguén pero quero o que se nos debe a nós”.