Alcaldes e voceiros do PSOE na provincia agardan chegar a un acordo na reunión de traballo que manterán o vindeiro luns en Santiago cos outros representantes do Partido en Galicia, xa que se trata da maior suba da historia da taxa do lixo

Por este motivo, non descartan pedir unha entrevista cos Presidentes da Xunta e da FEGAMP, co obxectivo de que a administración autonómica retroceda na súa decisión de obrigar ás 135.891 vivendas de Lugo a pagar 12 euros máis ó ano, pasando de 56 a 75 euros; cantidade á que, a maiores, hai que sumar o IVE

Critican que o goberno galego use ós Concellos “como cobradores do frac”, cando se trata dun imposto que recae directamente sobre os cidadáns, e que vén motivado pola suspensión da primas para a xeración de enerxía renovable e á decisión da Xunta de anular o plan do bipartito

Tendo en conta que algúns cargos desta entidade teñen un soldo superior ó do Presidente da Comunidade, sospeitan que este incremento tamén vaia dirixido a sufragar estes sobrecustos

O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Juan Carlos González Santín, e Alcaldes e voceiros socialistas da provincia denunciaron este venres que os cidadáns da provincia de Lugo veranse obrigados a pagar cada ano preto de 1,7 millóns de euros por mor da suba da taxa do lixo, imposta pola Xunta de Galicia, e que supón un incremento do 34% con respecto ó canon anterior. Tendo en conta que este incremento impllica un novo imposto para os lugueses, os socialistas anuncian que o vindeiro luns, 18 de novembro, acudirán á reunión de traballo convocada en Santiago de Compostela por todos os representantes do Partido a nivel galego para abordar esta problemática, e non descartan pedir unha entrevista cos Presidentes autonómico e da FEGAMP para que o goberno galego retroceda na súa decisión.

Deste xeito, os socialistas, que hoxe estiveron representados por os Alcaldes de Lugo –José López Orozco-, Navia de Suarna –José Fernández-, Pol –Lino Rodríguez-, e Pedrafita –José Luis Raposo-, e os voceir@s dos Concellos de Antas de Ulla, Pilar García Porto-, Cervo –Lara Méndez-, Cospeito –Rosa Morán-, Guitiriz –Regina Polín-, Meira –Antonio de Dios-, As Nogais –Fe Álvarez-, Palas de Rei –Horacio Rouco-, Paradela –Sonsoles López-, e Saviñao –José Quiroga-, agardan chegar a un acordo nesa xuntanza, “dado que se trata da maior subida da historia do prezo pola xestión do lixo”. Por iso, tal e como indicou Santín, intentarán achegar posturas e conseguir que o Executivo elimine este canon inxusto.

“Para o PP a solución sempre é que paguemos os cidadáns”
O secretario provincial critica que o Executivo de Feijóo decidise “por vontade propia” aumentar este canon, pasando de 56 a 75 euros por tonelada tratada de lixo; cantidade á que hai que engadir o importe do IVE. “Parécenos lamentable que para arranxar o que foi unha nefasta xestión se lle teña que pasar a factura ós veciños. É dicir, a costa dos cartos dos galegos e dos lucenses a Xunta pretende recadar 6 millóns de euros de beneficios libres de impostos. Para o PP esta sempre é a solución: que paguemos os cidadáns. Primeiro foi coa suba do IVE, despois co medicamentazo, logo co repago sanitario, o céntimo sanitario, a luz e, agora, o lixo. Así xestiona calquera”, concluíu o socialista.

A este respecto, o Alcalde de Pedrefita, e representante do PSOE na FEGAMP, destacou que “antes de que gobernase o PP, os cidadáns sabían que dos Consellos de Ministros ou da Xunta saía algo que os beneficiaba. Agora, dende hai dous anos, póñense a temblar. As persoas que están hilvanando estas cousas deben pensar que todos gañan o que eles cobran alí porque, dende hai tres anos que o Partido Popular ten maioría absoluta no Estado e en Galicia, é para poñerse a temblar… Hai moitas persoas que están cobrando 400 euros e que non dán pagado os seus impostos. O que están facendo é levalos a unha esquizofrenia porque é imposible aguantar todos estes gastos”,concluíu.

Pídenlle a Feijóo que deixe de enganar ós veciños
Con este incremento, as 135.891 vivendas da provincia que aparecen rexistradas no Instituto Nacional de Estatística (INE) están obrigadas a desembolsar por este servizo 12 euros máis ó ano. “Pedímoslle ó señor Feijóo que deixe de enganar ós cidadáns porque esta suba débese única e exclusivamente á decisión do Goberno Central de suprimir as primas para a xeración de enerxía renovable e á da Xunta de anular o plan do bipartito. É dicir, é unha decisión política a que causa este aumento”, subraiou González Santín.

Galicia é unha potencia española en enerxía eólica, sen embargo, a causa da suspensións destas axudas o pasado ano e da paralización da normativa autonómica, o sector afronta serios problemas. Lugo é unha das provincias máis perxudicadas, pois o 50% dos megawatios que quedan sen acceder a estas primas pertencen ós parques lugueses. “Para que todos o entendan: esta porcentaxe é a mesma potencia que se necesita para abastecer 600.000 fogares ou a que precisa a central térmica das Pontes para poder funcionar”, afirmou o secretario provincial.

Con esta supresión, só en investimentos directos, en Lugo perderanse 2,1 millóns de euros, en plans industriais asociados outros 2 millóns e, en materia de emprego, tal e como recoñecen os expertos, destruiranse 6.000 postos de traballo. “Por tanto, cremos que agora o aumento do canon de SOGAMA é unha mostra de insensatez e de probreza política. É dicir, a Xunta lávase as mans e deixa a responsabilidade deste aumento en cada Concello. E non só iso, senón que os orzamentos autonómicos prevén que as entidades locais adapten os seus contratos ós novo modelo antes dun ano e, para evitar débedas que algunhas acumulan, a administración galega obrígaas a pagar mensualmente ou descontará esas cantidades da parte que lles corresponde do Fondo de Cooperación Local”. É dicir, que, tal e como indicou o secretario provincial, “llelo cobra si ou si”.

Deste xeito, González Santín denuncia que “os Concellos son os cobradores do frac da Xunta de Galicia, pois estes non participan para nada na xestión de residuos”.

Sospeitas dos socialistas
O conselleiro de Infraestruturas dícía hai uns meses que había que poñer en valor SOGAMA, “pero isto non pode ser a conta dos cidadáns”. É a pranta de xeración de enerxía máis grande das once que existen en España, e sempre mativo certa solvencia nas súas contas. Terannos que explicar por que agora non o é. Non sei se é unha mala xestión do Goberno, da Xunta ou de SOGAMA. Eu diría incluso que é unha mala xestión dos tres”, destacou o líder dos socialistas na provincia.

O PSOE, no Parlamento galego, xa denunciou que, dende a chegada de Feijóo á Xunta, todas as mesas de contratación foron constituídas de xeito ilegal. Pero é que, ademais, o propio presidente desta entidade está incumprindo a incompatibilidade de altos cargos, dispón dun salario máis elevado que o do propio titular do goberno galego, e conta cun vehículo de empresa os 365 días do ano. “Non será, por tanto, que este incremento é necesario tamén para pagar estes sobresoldos?”, preguntáronse os socialistas.

O PP ten diferentes caras
Pola súa banda, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, asegurou que esta medida é consecuencia da “política errática de enerxía do PP. SOGAMA é unha empresa pública, polo que, que menos que coñezamos unha auditoría de empresa e os números económicos?”. Neste senso, denunciou a postura do Partido Popular con respecto a este asunto, pois “temos un deputado e un concelleiro en Lugo, o señor Castiñeira, que aquí vota a favor da conxelación de taxas e en Santiago faino en contra. Como se pode ter tanta caradura política. Esta é a política nefasta que está levando a cabo o goberno de Rajoy en Madrid e Feijóo en Galicia”, afirmou o rexedor lucense.