Concepción Burgo advirte que o PP é especialista en escusas e mentiras para incumprir os seus compromisos
Sinala a ausencia de criterios sanitarios, económicos e de eficiencia sanitaria para deixar a Lugo sen estes servizos
A deputada socialista Concepción Burgo reclamoulle hoxe a Feijóo o cumprimento con celeridade da Iniciativa Lexislativa Popular que permitirá dotar ao Hospital de Lugo dos servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear, que hoxe comezou o seu trámite no Parlamento. Advirte que si o PP vota a favor hoxe ten que ser para cumprir, sen mais escusas nin mentiras nas que o PP é especialista.
A responsable socialista sinalou que os socialistas galegos estaremos vixilantes de que se faga con celeridade e sen distorsionar as peticións da cidadanía que son extremadamente claras e concretas. Así o dixo logo do debate desta proposta para modificar a Lei de Saúde de Galicia cun novo artigo polo que se garanta a prestación dos servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear a todas as provincias en igualdade de condicións para toda a cidadanía.
Burgo advertiu que non hai criterios sanitarios, económicos nin de eficiencia sanitaria que avalen a negativa a establecer estas unidades no Hospital de Lugo, a única provincia galega que a día de hoxe carece delas. O certo, engadiu, é que esta situación discriminatoria provoca que os mais de 1.000 lugueses que necesitan ao ano un cateterismo, os mais de 600 con tratamento de radioterapia e os outros 1.000 que necesitan diagnose con medicina nuclear teñen que desprazarse á Coruña.
Motivos espurios
Apunta que Feijóo vén prometendo que o hospital contaría con estes servizos dende a súa posta en marcha, pero o certo é que segue sen cumprir coa súa palabra, polo que lle esixe que explique si non leva a cabo a dotación é por unha total falla de eficacia da Consellería ou por motivos espurios.
Criticou que os lugueses tan só teñan de Feijóo promesas incumpridas, mentiras, desculpas e evasivas. Acusouno mesmo de incumprir o mandato do Parlamento, que aprobou por unanimidade unha moción socialista para dotar ao hospital de servizo de hemodinámica as 24 horas do día, malia o que a día de hoxe só temos este servizo de 8 a 3.
Igualdade
Burgo salientou que a iniciativa reclama igualdade de todos os cidadáns para acceder aos mesmos servizos sanitarios sen importar onde residan. Sinalou que fala de xustiza, da defensa dunha sanidade pública e universal baseada nos principios de equidade, os mesmos que defendemos e defenderemos os socialistas fronte ás políticas privatizadoras da dereita.
Sinalou que as 41.000 sinaturas que avalan a Iniciativa Lexislativa Popular, case o tripla das necesarias, da idea do amplísimo respaldo que ten a iniciativa entre os cidadáns de Lugo e de toda Galicia. Estas veñen amparadas ademais polas dúas grandes manifestacións celebradas en Lugo e respaldadas por todo o tecido social para reivindicar xustiza e unha sanidade de primeira ao mesmo nivel que o resto de Galicia.