Concepción Burgo, parlamentaria socialista, reprochou hoxe en Comisión parlamentaria á Directora da Axencia Galega de Infraestruturas que “non cumpran co asinado” respecto á finalización da terceira fase do Plan Paradai

A parlamentaria socialista, Concepción Burgo, ven de recriminar ao Goberno galego a “falta de compromiso con Lugo”, e reprochou á Directora da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que se negara a contestar á pregunta sobre “cándo faría a Xunta a terceira fase do Plan Paradai”, para o que comparecía na Comisión parlamentaria.

A posición da representante do Goberno de Feijóo deixou claro, a xuízo de Burgo, que “non van cumprir os compromisos asinados no Plan Paradai”, polo que “o Goberno de Feijóo non ten credibilidade” ata o punto, segundo a socialista, “que non se pode crer nin non que firma”.

A deputada luguesa considera “inadmisible” que un Goberno non cumpra os convenios e que non se poida fiar dun Goberno cuxa sinatura debera ser vinculante e unha garantía de compromiso de cumprimento coa sociedade.

Encadrou esta “falta de palabra” de Feijóo nun marco máis amplo de actuacións “de costas á cidade de Lugo” do Executivo galego nestes máis de tres anos de Goberno.

No ano 1999, a través dun convenio firmado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, a Consellería de Política Territorial, o IGVS, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo se comprometeron a poñer en marcha unha serie de obras e infraestruturas na zona de Paradai da cidade de Lugo.

O Plan Paradai, tiña tres fases das que queda pendente a terceira que tería que terminarse en 2010-2011, pero lonxe deso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas leva demorando estas obras dende 2009. De feito, foi necesario firmar en 2011 unha addenda ao convenio para alongar o prazo de realización das obras por parte da Xunta de Galicia. Así, o compromiso da Xunta de Galicia para rematar o Plan Paradai ampliábase dous anos, ata 2014.

Recentemente, e antes de licitar unha soa obra, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acaba de dicir que ía incumprir de novo o seu compromiso e que só realizará a ponte e o enlace ata Serra de Meira con un orzamento de 3,5 millóns e deixando sine die a realización da estrada das Gándaras, o acceso da nova ponte ata Conde Fontao e o tramo entre Serra de Meira e a estrada de Vegadeo. Isto significa alongar os prazos ata non se sabe cando e deixar de facer un investimento de 6,2 millóns xa orzamentados nos orzamentos e comprometidos no convenio.

Para os socialistas isto supón un total incumprimento dos compromisos do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e do presidente Feijoo e manter un retraso absolutamente inxustificado destas obras moi necesarias para a zona norte da cidade, o que supón unha actitude política inaceptable e denota a total falta de credibilidade do Goberno da Xunta de Galicia.

Esta actitude de absoluto incumprimento dos compromisos está sendo fortemente rexeitada polas asociacións de veciños e polo Goberno do concello de Lugo que non admiten mais retrasos no Plan Paradai.