O PSOE lucense, ao igual que no resto de provincias españolas, oporase rotundamente a esta modificación, presentando unha moción conxunta nos Plenos de todas as entidades locais e tamén no Parlamento de Galicia

Defenden que “a política é diálogo, negociación e acordo, pero tamén é cumprir as regras e non modificalas en base a fins partidistas”; todo o contrario, din, desta reforma “que nin é consecuencia da demanda social, nin da demanda política”

Consideran que, con esta medida, o PP volve volve atacar ao municipalismo, pois desmantela os servizos públicos que os concellos prestaban, baleirándoos de capacidade política

Outro dos motivos que avala a decisión dos socialistas é que a modificación plantexada polo Executivo de Rajoy de forma unilateral “arrastra un vicio de inconstitucionalidade que non contiña”, pois a CE, a través do seu artigo 140, permite a elección directa dos alcaldes

O secretario Provincial – Juan Carlos González Santín- e o alcalde de Lugo –José López Orozco- anunciaron este sábado que o Partido Socialista vai presentar en todos os concellos da provincia, e tamén no Parlamento de Galicia, unha moción conxunta para expresar o rexeitamento unánime á modificación da Lei Orgánica de Réxime Electoral impulsada polo Goberno Central.

Deste xeito, os socialistas lucenses, ao igual que os do resto das provincias españolas, baixo a coordinación da Secretaría Municipal da executiva federal que lidera Pedro Sánchez, opóñense rotundamente a tal reforma que, en palabras de González Santín, “non deixa de ser unha triquiñuela electoral coa que o PP busca asegurarse os asentos das alcaldías ante posibles pactos postelectorais. Cremos que o que pretenden con este cambio é blindar feudos tradicionais do Partido Popular onde todo apunta a que perderían a maioría absoluta”, afirmou.

Ao igual que González Santín e o alcalde da cidade da capital, en todas as provincias de España compareceron hoxe os voceiros do PSOE das cidades de máis de 50.000 habitantes, parlamentarios autonómicos e os correspondentes representantes das executivas provinciais. O motivo desta afrenta unánime non é outro que parar a acción do Goberno, pois “non se poden propoñer cambios de tanto calado sen acordo político e a poucos meses das eleccións. Nestes momentos, cando quedan 8 meses para as municipais, non podemos permitir que o Goberno saque adiante unha reforma coma esta, que é oportunista e propotente”, destacou o secretario Provincial.

González Santín subliñou que “a política é diálogo, negociación e acordo, pero tamén é cumprir as regras e non modificalas en base a fins partidistas”. Por iso, a través destas iniciativas o Partido Socialista tamén pedirá ao Partido Popular que explique por qué ten tanta presa en modificar esta Lei, cando “non é consecuencia da demanda social, nin da demanda política. Unicamente é unha demanda dos seus alcaldes que queren perpetuarse no poder a base de burlar as maiorías”. A este respecto, engadiu: “as maiorías en democracia constrúense: primeiro, negociando; segundo, cedendo; e, terceiro, compartindo. O PP fala de democracia si, pero, á hora da verdade, nin a coñece, nin a practica. O primeiro que deberían de saber é que en democracia o partido maioritario non pode impoñerse á maioría; e, segundo, que, por moito que lle pese ao PP, o 40% e menos que o 60%, e 12 concelleiros é menos que 11+2”, destacou.

Na mesma liña, José López Orozco sinalou que “o que quere Rajoy é destruír o único reduto de consenso político que quedaba, o que supón un perigo social e político porque vai permitir implantar as normas que lle convén ao seu Partido. Abre unha porta que é moi difícil de pechar: que calquera formación poida facer da súa capa un saio. A democracia non é un status. Pensen que o consenso dá seguridade xurídica e democrática aos cidadáns”, incidiu o alcalde, quen reiterou que a implantación desta modificación “fará retroceder a democracia. Por iso, fago un chamamento ao Partido Popular: que non faga correr o risco neste senso”, concluíu.

Ataque ao municipalismo
Outro dos motivos polos que os socialistas se unen masivamente en contra da reforma de Rajoy é porque supón un novo ataque ao municipalismo, xa que desmantela os servizos públicos que os concellos prestaban, baleirándoos de capacidade política. Por iso, consideran que tamén é un menosprezo á FEMP, a entidade representativa do municipalismo no noso país.

“O goberno de Rajoy segue empeñado en atacar sistematicamente á autonomía local. Primeiro anunciou a reforma local, que foi un fracaso absoluto; despois a Lei de Demarcación e Planta Xudicial; e agora ameaza novamente á democracia municipal plantexando unha reforma coa que só pretende favorecer o intereses políticos e electorais”, pois os alcaldes non son elexidos de maneira directa polos cidadáns, senón que son os concelleiros electos os que votan a un deles para a alcaldía e sempre a proposta dos partidos. “Por iso, é imposible unha elección directa cando o que se fai e votar a unha lista pechada”, remarcou.

“Creo que denominar elección directa a nomear ao primeiro dunha lista pechada por un partido sona un tanto chanchulleiro”, indicou Santín, ao tempo que salientou que o que pretende facer o PP “non é unha concatenación de casualidades, pois sabe que tras a política de austeridade do Goberno é moito máis fácil gañar eleccións en calquera nivel territorial”.

“Arrastra un vicio de inconstitucionalidade”
Asimesmo, outro dos argumentos que avalan a decisión dos socialistas é que a modificación da normativa “arrastra un vicio de inconstitucionalidade que non contiña”, sobre todo se se ten en conta que a CE, a través do artigo 140, permite a elección directa dos alcaldes.

“É unha unha proposta profundamente conservadora e que rompe o principio democrático que contén o artigo 1º.1 da CE, que é un principio xurídico que o Tribunal Constitucional foi configurando nos seus elementos fundamentais”, sentenciou o dirixente do PSOE provincial.