A pírrica suba dun 0,25% das pensións que aplica o Goberno central, que en Galicia supón 2 euros ao mes, provoca unha grave perda de poder adquisitivo aos pensionistas
O Partido Popular perdeu “unha ocasión única de demostrar que esa melloría macroeconómica da que tanto alardea repercute nas clases traballadoras e na mellora dos servizos e as prestacións públicas”, subliñou o voceiro municipal
O Partido Popular volveu a demostrar no Pleno de hoxe que “non cre no público” ao quedarse só rexeitando unha proposta do Goberno local para sumarse á reivindicación das organizacións sindicais CC.OO. e UXT en defensa do sistema público de pensións para que, “por riba dos interese do capital, se garanta o mantemento do contrato social polo que se favorece a cohesión social e a distribución da riqueza”.
O equipo de goberno sacou adiante a iniciativa, que recolle literalmente unha proposta de Comisións e UXT, a pesar da negativa do PP, “que, ao aumentar nun pírrico 0,25% as pensións, o que, tendo en conta que as retribucións medias en Galicia son de 723 euros mensuais, supoñen unha suba de dous euros, está provocando aos pensionistas unha grave perda de poder adquisitivo, pois mentres tanto sube o IPC, a cesta da compra, o combustible, os medicamentos…”, subliñou o Voceiro municipal, Miguel Fernández.
O Concelleiro asegurou que hoxe o Partido Popular, ao igual que fixo onte mesmo no Congreso dos Deputados votando en contra da suba das pensións nun 1,2% solicitada por toda a oposición en bloque, perdeu “unha ocasión única de demostrar que esa melloría macroeconómica da que tanto alardea repercute nas clases traballadoras e na mellora dos servizos e as prestacións públicas”.