
A Alcaldesa puxo en evidencia “o grave problema de credibilidade” de Castiñeira, pois no 2010 votou no Concello a favor da creación desta dotación social e 5 meses despois dixo non á mesma iniciativa no Parlamento galego
“Todo investimento que veña para Lugo, benvido sexa, pero as formas non se deben perder”, subliñou Lara Méndez sobre o anuncio de Rey Varela, a quen ela mesma lle plantexou en alomenos 5 ocasións a necesidade da residencia
A Corporación lucense aprobou este xoves por unanimidade no Pleno ordinario a proposición do Grupo Municipal do PSdeG que esixe á Xunta a construcción dunha nova residencia para os maiores na cidade e, mentres tanto, concerte prazas nun número acorde á demanda actual. Os socialistas reivindican esta dotación social “por xustiza”, subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez, quen defendeu a moción e lembrou neste senso que dende 1978, hai case 40 anos, non se crea en Lugo nin unha soa praza residencial pública; que a ratio de prazas por persoa maior de 65 anos é do 1,6%, fronte ao 2,5% por exemplo de Santiago; e que a día de hoxe existen menos de 100 prazas concertadas. Deste xeito, “é obvio que necesitamos unha residencia e a necesitamos xa”, asegurou a rexedora.
Méndez lembrou que esta moción foi rexistrada polos socialistas o 18 de maio e seis días despois, o 24, o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, “textualmente, comprometeulle a Jaime Castiñeira a construción dunha residencia”, unha “falta de respecto institucional que non vou consentir”, afirmou a Alcaldesa. “Todo investimento que veña para Lugo, benvido sexa, pero as formas non se deben perder”, recalcou a rexedora, sobre todo cando en alomenos cinco ocasións en distintos encontros, actos e nunha chamada telefónica ela mesma como máxima representante dos lucenses lle plantexou ao Conselleiro a necesidade dunha residencia en Lugo, sen recibir resposta algunha. Deste xeito, o comportamento de Rey Varela e Castiñeira son “decepcionantes e non están á altura do que lle piden os veciños”, sinalou.
Lara Méndez puxo así mesmo en evidencia “o grave problema de credibilidade” do voceiro municipal do PP, quen “votou en contra das demandas dos lucenses, como os servizos pendentes do HULA ou a estación intermodelal, e que “no 2010 se posicionou no Pleno do Concello a favor dunha residencia en Lugo e cinco meses despois dixo non á mesma iniciativa no Parlamento galego”.
A Alcaldesa incidiu en que, ante “un novo desprezo da Xunta de Galicia aos lucenses, nós unha proposta”, reiterando que puxo á disposición da Consellería de Política Social 7 posibles parcelas dotacionais para que constrúa a residencia.