Faino votando en contra da extemporaneidade do requerimento feito pola Consellería contra a corrección de erros nas determinacións urbanística do campus, cando a Xunta presentou dito requerimento o 31 de agosto, acabando o prazo o 27

O grupo municipal do Partido Popular votou este xoves no Pleno Ordinario en contra da declaración de inadmisibilidade, por extemporánea, do requerimento de anulación que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio interpuxo contra un acordo do Pleno de xullo relativo á corrección de erros materiais nas determinacións urbanísticas relativas ao Campus Universitario de Lugo, contidas no PXOM.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, encargado de defender a inadmisibilidade na sesión plenaria, recalcou que o Partido Popular votando en contra da extemporaneidade, vota en contra da responsabilidade, explicando que a Xunta de Galicia presentou un requerimento a este acordo o 31 de agosto. O Concello notificáralle dito acordo o día 9 de agosto e había un prazo de 15 días para requerir, é dicir ata o 27 de agosto. Polo tanto, é extemporánea. Nesta liña, o edil lembrou que a data a ter en conta non é a emisión do requerimento senón a de recepción no Concello, segundo reitera a xurisprudencia do Tribunal Supremo recollida nunha sentenza do 13 de setembro de 2012 (RJ/2012/9148).

A postura adoptada por este grupo impide ademais conceder a licenza de rehabilitación á gardería de Raiolas, pois a corrección destes erros era o paso previo necesario para tramitar e conceder a licenza; polo que o PP abocan ao limbo ás persoas con espectro de autismo e ás súas familias.