“Os continuos incumprimentos, atrasos e débedas históricas que mantén coa cidade fan que non teña credibilidade ningunha”, asegurou o Deputado autonómico socialista Luis Álvarez
O Deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia Luis Álvarez subliñou a necesidade de que a Xunta concrete no Diario Oficial de Galicia (DOG) “orzamentos e prazos” de execución dos plans anunciados onte para o Vello Xeral, dado que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o Partido Popular “non teñen credibilidade algunha”, debido “aos seus continuos incumprimentos, atrasos e as grandes débedas históricas que manteñen a día de hoxe con Lugo”.
Deste xeito, Álvarez lembrou que, dende a apertura do HULA hai xa 6 anos, o Presidente da Xunta e o PP comprometéronse “en numerosas ocasións, sempre antes dunhas eleccións, a dotar ás antigas instalacións do Vello Xeral das dotacións e servizos necesarios para reactivar e dinamizar o barrio, anunciando dende entón, dende un PAC, a un Laboratorio de Referencia, o desdobramento do centro de saúde da Milagrosa, ou mesmo unha Comisaría de Policía, sen que nunca cumprise ata o momento ningunha destas actuacións, e iso a pesar da forte demanda social”.
Así mesmo, tardou 5 anos en dotar de Medicina Nuclear e Radioterapia ao HULA, e, a día de hoxe non hai previsión algunha de Hemodinámica 24 horas. “Onte nin sequera mencionou este servizo na súa intervención”, desoíndo deste xeito a mobilización veciñal e os criterios que reiteradamente expoñen os técnicos, a última vez, no Congreso Galego Asturiano de Cardioloxía celebrado hai dúas semanas na cidade.
Núñez Feijóo e a Xunta do PP manteñen grandes débeda históricas con Lugo, como o remate do novo auditorio coa dotación de equipamento, a creación do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, a Ronda Leste, o Plan Paradai ou a estación intermodal, pois os 55.000 euros previstos para un estudio previo “son un insulto e tomarnos aos lucenses por pouco intelixentes”.
O Deputado considerou así mesmo unha “falta de respecto institucional cara a cidade de Lugo que o voceiro do PP no Parlamento actuase como Presidente da Xunta e avanzase os anuncios que se supón que este ía facer despois nunha reunión aberta á sociedade”.
“Dicir agora que van facer algo no barrio da Residencia despois de tantos anos que o levamos reivindicando dende o Concello demostra dúas cousas: unha, ratifica que tiñamos razón, e si se poden facer cousas alí, e dúas, pretende fornecer a quen queira que resulte candidato do PP nas eleccións locais do 2019”, subliñou o Deputado socialista.