A administración galega non creou nin unha sóa praza residencial pública para a terceira idade no concello dende finais dos anos 70. Hoxe só funcionan dous centros de titularidade autonómica “cunhas escasas 272 prazas”
Os socialistas piden que, mentres non se poña a disposición dos lucenses unha residencia pública, a Xunta concerte un número de prazas acorde á demanda actual
O Grupo Municipal do PSdeG esixirá no Pleno do vindeiro xoves á Xunta de Galicia que cree un novo centro público de maiores no concello de Lugo e que, mentres non dote á cidade desta infraestrutura social, concerte prazas nun número acorde á demanda actual. Así o avanzou o voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, quen argumentou a necesidade da residencia apuntando que, dos 21.000 maiores no municipio lucense (máis do 21% da poboación), 5.000 viven solos e destes 2.000 teñen máis de 80 anos, engadindo que Lugo só conta na actualidade con dúas residencias de titularidade autonómica, a das Gándaras e a da Milagrosa, cunhas “escasas 272 prazas, só 68 delas para dependentes”, e que as prazas concertadas pola Xunta en residencias privadas é inferior ao centenar. De feito, subliñou o Concelleiro, a Administración galega non crea nin unha sóa praza residencial pública para a terceira idade en Lugo dende finais dos anos 70.
Fernández apuntou así mesmo que en Lugo a ratio de prazas por habitantes maiores de 65 anos “é claramente inferior” ao do resto das cidades da contorna, cun 1,60% fronte a un 2,50%.
O voceiro municipal recalcou que, mentres o Concello aumenta o gasto social, que nos Orzamentos do 2016 representa o 21% do total, con prestacións como o centro de día, comida no fogar ou axuda a domicilio, a Xunta de Galicia, a institución “que ten as competencias, que debía liderar as políticas sociais na comunidade, non está a facer absolutamente nada neste ámbito”. “Día tras día, vemos como se recortan fondos na Lei de Dependencia, se impón o repago sanitario, soben as pensións escasamente un euro ao mes e hai lista de espera de máis de dous anos para acceder a unha residencia pública en Lugo”, asegurou Miguel Fernández, que, deste xeito, concluíu que a Xunta “está máis preocupada por favorecer ao sector privado, esquecéndose do interese xeral, cun nulo investimento no público”.