Os Plenos do Concello de Lugo e da Deputación serán os primeiros nos que se debata a moción socialista sobre a implantación de Hemodinámica 24 horas no HULA e a publicación dos datos de mortalidade por infarto de miocardio
“Tras anos ocultándoo, o Goberno galego presentou un informe sobre o infarto de miocardio sesgado e incompleto, no que contrastamos que un lucense tarda máis de 3 horas en ser atendido, o dobre que un cidadán da Coruña. Basta xa”
“Contamos cunha mini-radioterapia, pois o 50% dos lucenses seguirá peregrinando a Coruña. E témola grazas á beneficencia, non polo compromiso de Feijóo cos lucenses, que nos trata como excluídos que vivimos da caridade”
Os voceiros socialistas no Concello de Lugo e na Deputación, Miguel Fernández e Álvaro Santos, xunto á coordinadora do PSOE na Mariña e Alcaldesa de Trabada, Mayra García, presentaron este luns a moción que os socialistas levan ao Pleno Provincial de mañá e ao municipal do xoves para esixir á Xunta de Galicia a inmediata dotación do servizo de Hemodinámica as 24 horas no HULA e a publicación dos datos de mortalidade aos 30 días dos pacientes por infarto de miocardio. Mayra García avanzou que o partido entregará esta moción a todos os seus Alcaldes e voceiros para que tamén a presenten nos seus respectivos Plenos, “pois este é un asunto primordial para a nosa provincia, que nos afecta a todos”.
Miguel Fernández destacou que “levamos anos esperando a que a Xunta dote aos lucenses de Hemodinámica 24 horas. Durante todo este tempo, o Goberno galego sempre relacionou a súa inexplicable negativa a implantación deste servizo no HULA a un informe cos datos sobre infarto de miocardio. É dicir, cuantifica en termos económicos o custo da atención sanitaria. Tras anos agochando esta información, o pasado 16 de marzo o Sergas presentou o primeiro balance do Rexistro de Atención ao Infarto de Miocardio; un informe sesgado e incompleto, no que se obvian datos fundamentais, como son os de mortalidade”.
“O que si contrastamos con este informe é que un lucense tarda o dobre de tempo que un cidadán da Coruña ou de Santiago de Compostela en ser atendido por infarto. Son máis de 3 horas, 192 minutos, o que tarda de media un veciño de Lugo que sofre un infarto de miocardio. Os socialistas dicimos basta xa. Esiximos á Xunta que se deixe de máis dilacións e demoras, pois hai anos que se comprometeu a licitar en 3 meses o servizo de Hemodinámica as 24 horas e seguimos esperando. É necesaria a súa inmediata dotación na provincia. Temos dereito a coñecer os datos reais de mortalidade por infarto de miocardio, que é no que se basea o Goberno galego para a implantación deste servizo en Lugo. ¿Por que non fan pública esta información?”.
Mini-radioterapia
Santos Ramos remarcou que “o Goberno autonómico do PP está incumprir coa ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego. Máis de 41.000 lucenses dixeron alto e claro que era urxente a dotación de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medina Nuclear. O PP desvirtualizou a ILP. Seguimos cun servizo de oficina para Hemodinámica, cando un infarto non entende de horarios. Contamos cunha mini-radioterapia, cun servizo para o 50% dos lucenses que teñen que recibir este tratamento, pois o outro 50% seguirá peregrinando a Coruña. ¿En que se baseará á Xunta para decidir quen recibe radioterapia en Lugo e quen na Coruña?. Ademais, se temos esta mini-prestación é grazas á beneficencia, non polo compromiso de Feijóo cos lucenses, que nos trata como excluídos que vivimos da caridade. Se hoxe contamos cun único acelerador é gracias a unha fundación, a Xunta non investiu nin un só euro, nin ten pesado facelo. O acto da semana pasada, coa presentación desta mini-radioterapia, foi totalmente electoralista, unha tomadura de pelo cara todos os veciños desta provincia, un engano”.