Lara Méndez, Darío Campos, Margarita Pérez Herraiz e Ricardo Varela arrancan a campaña electoral na provincia de Lugo
O PSdeG-PSOE de Lugo arrancou este xoves á medianoite a campaña electoral do 26X, coa tradicional pegada de carteis, na Praza Anxo Fernández Gómez da capital provincial. Os candidatos ao Congreso e ao Senado, Margarita Pérez Herraiz e Ricardo Varela pediron o voto “para que non se repita a gran coalición do 2 de marzo entre o PP e Podemos”.
Abriu a quenda de intervencións a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez .“Porque as campañas van diso, de pedir o voto e de pedir o voto dando algo a cambio”, así arrincou a súa intervención a Alcaldesa de Lugo, quen asegurou que dende o Partido Socialista “temos moito que ofrecerlles aos lucenses e galegos se nos dan o voto. Podemos ofrecerlle a esperanza de que as cousas non teñen por que seguirnos indo mal”.
Neste senso, Méndez advertiu que o PP dirá que salvou do rescate a España, e que o país estaba ao borde da quebra, e outros partidos, “os da chamada nova política, os que falan de que queren diálogo e cambio, os que cando se lles pon enriba da mesa un goberno de progreso e un goberno social din que queren a vicepresidencia, o CNI e a televisión pública baixo control, esquecéndose do cambio social, non queren facer nada en política. Quen non quere diálogo nin cambio, chámese PP ou Podemos, que se vaia para a súa casa”, concluíu a rexedora.
O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos afirmou que “nesta nova campaña, temos que saír ás rúas orgullosos do traballo levado a cabo, orgullosos de ter cumprido coa vontade dos cidadáns, de ter buscado, por todos os medios, ese acordo entre a diversidade política para o goberno e as políticas de cambio que reclaman os cidadáns. Temos que dicir aos nosos veciños que non se deixen enganar de novo, que se lembren do acontecido durante os últimos 6 meses, do que primaron outros, de quen son responsables destas novas eleccións, de que hoxe siga o Goberno de Rajoy e non estea o goberno do cambio”. Campos Conde insistiu nas súas críticas “temos que facer ver aos cidadáns que o PSOE é, como quedou demostrado nestes meses, o único partido político que garante o diálogo, o consenso e o goberno do cambio, que xa pediu a ampla maioría dos españois o 20 de decembro”.
A candidata ao Congreso, Margarita Pérez Herraiz, asegurou que os cidadáns teñen nestas eleccións unha nova oportunidade para coñecer os valores e as propostas do PSOE. “A liberdade, a igualdade, a xustiza social, o recoñecemento das maiorías e os respecto ás minorías, o equilibrio entre a liberdade e os dereitos sociais, estas son algunhas das premisas que defende o PSOE”, remarcou.
As políticas do PP baséanse en gobernar para unha minoría
Pérez Herraiz subliñou que baixo estes principios España sempre avanzou. “O PSOE non fai milagres, pero baixo estas premisas socialistas o noso pais despegou do seu illamento”. Dixo tamén que as políticas do PP baséanse en gobernar para unha minoría, á costa de que a maioría dos cidadáns teñan menos dereitos e perores servicios públicos.
O importante non é a etiqueta, son os feitos
Aludiu a Podemos e advertiu que esta formación quere colgarse a etiqueta socialdemócrata. “O importante non é a etiqueta, son os feitos. Para Podemos é máis importante o tan cacarexado “Asalto a los cielos”, ou ocupar lugares estratéxicos do organigrama do Estado, que traballar para mellorar as condicións de vida dos cidadáns”, espetou. E insistiu nas súas criticas “co seu apoio indirecto ao PP seguen debilitando os dereitos dos cidadáns e os servicios públicos”.
Por último explicou a relevancia que teñen estas eleccións nunha provincia como Lugo que conta cunha renda media, das máis baixa de España, e cunha das porcentaxes máis elevadas de pensionistas do conxunto do Estado, estes datos sinalan que os lucenses teñen unha maior necesidade de servicios públicos.
PP e Podemos son cómplices de que non goberne un Presidente progresista
O candidato ao Senado, Ricardo Varela, arrancou a campaña electoral reclamando á cidadanía evitar co seu voto, que se volva a repetir “a gran coalición do 2 de marzo” entre o Partido Popular e Podemos, xa que uniron votos para evitar que gobernará o Partido Socialista. “Os dous partidos impediron que se producira o gran cambio que precisa este país, tanto PP como Podemos son cómplices de que en España non goberne un Presidente progresista, presidido por Pedro Sánchez”.
O candidato socialista afirmou que o cambio só será posible si o PSOE encabeza o movemento do cambio en España. Varela advertiu que o PP e Podemos non son partidos antagónicos, senón que son partidos cun obxectivo común. “Un obxectivo que pasa por finiquitar o modelo socialdemócrata que representa unicamente o Partido Socialista”. Explica que por un lado, a dereita española, e por outro, os populistas radicais, ven na socialdemocracia o principal obstáculo para alcanzar os seus obxectivos.
Varela remarcou que só unha formación política moderna e socialdemócrata como o PSOE pode recuperar para os españois todas as políticas devastadoras que puxo en marcha o PP, nestes anos. Anunciou que traballará por recuperar a axenda das políticas sociais emprendida polos gobernos socialistas. “A sanidade, a educación, as políticas sociais, as grandes infraestruturas teñen que volver a ser o eixo das políticas desta provincia”, resumiu.