Os cargos socialistas nas principais institucións galegas e luguesas trasladaron hoxe o seu respaldo unánime á Plataforma en Defensa do IES As Mercedes de Lugo. Os responsables socialistas anunciaron unha batería de iniciativas en Parlamento, Deputación e Concello para que a Xunta acate a sentenza do TSXG e restableza o centro cos estudos de ESO e Bacharelato que suprimiu en 2013.

A deputada socialista no Parlamento de Galicia, Concepción Burgo, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o representante do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o secretario de Educación da Executiva Socialista e tamén deputado autonómico Vicente Docasar manifestaron o seu apoio total ás reivindicacións da Plataforma logo dun encontro mantido onte.

Concepción Burgo advertiu que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma que a decisión foi “arbitraria” e “unha proba clarísima da forma de actuar da Consellería de Educación” que resulta “de todo punto inadmisible e fai imprescindible unha explicación pública e a toma de responsabilidades políticas”.

Burgo presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta acate a sentenza e restableza o IES As Mercedes “con tódolos estudos que tiña no momento da súa supresión”. Lembrou que o goberno galego desprezou as reivindicacións os socialistas que no seu día advertiron das graves consecuencias da supresión do IES.

Engade que “en caso de non restablecer os estudos de ESO e Bacharelato, a Consellería debe comezar de inmediato a construír un novo IES na zona sur de Lugo para responder ás necesidades desta zona de Lugo e de parte da comarca luguesa tamén afectada”.

Responsabilidades políticas

Os socialistas galegos asumiron as reivindicacións da Plataforma e reclamaron as explicacións públicas do anterior conselleiro de Educación, así como o cese inmediato do director de Educación, FP e Innovación Educativa, ademais da delegada da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Raquel Arias, “por suprimir o IES As Mercedes de forma arbitraria e, como vén de demostrar o TSXG, ilegal”.

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, confirmou o apoio do Concello aos veciños e veciñas de Lugo afectados por unha decisión tomada “por capricho dos populares dentro da súa estratexia de claro ataque á educación pública”. Lembrou que por esta decisión “agora temos un grave problema de déficit de prazas de educación infantil, secundaria, ESO e Bacharelato na zona sur da cidade, a que rexistra un maior crecemento”.

Os desprazamentos de alumnos a outros centros derivadas da decisión de transformar o Instituto nun Centro Integrado de FP provocou que “centros nos que antes sobraban prazas hoxe están masificados” como o caso de San Sillao, Ollos Grandes ou Lucus Augusti”.

Lembrou que o centro ofrecía servizo a unha zona con mais de 900 nenos e nenas censados, o 80 por cento deles matriculados no instituto, o que, dixo, “é algo que a Feijóo e a tódolos seus compañeiros de partido nunca lles importou” á hora de desbotar as 10.000 sinaturas de apoio da sociedade luguesa ao centro.

O representante do Grupo Provincial na Deputación, Álvaro Santos Ramos, lembrou que a supresión do centro estendeu o problema a toda a provincia de Lugo, con zonas afectadas como O Corto, que tiña As Mercedes como centro de referencia, Portomarín ou os centros da zona sur da provincia, que hoxe están por enriba da súa capacidade.

Santos lembrou que en abril de 2013, o Goberno bipartito presentou unha moción ao Pleno da Deputación en apoio á Plataforma en defensa do IES As Mercedes. Con esta iniciativa, ademais de demandar a “derrogación inmediata” do decreto da Xunta de Galicia, os socialistas reclamaban a realización dun estudo, coa participación de todos os sectores afectados, sobre a situación educativa da zona. O Partido Popular, dixo, tanto na Deputación como no Concello de Lugo, así como na Xunta de Galicia, fixo caso omiso a estas reclamacións.