O senador por Lugo asegura que o Ministerio minte ao ocultar que decidira suspender o proxecto
Acusa a Ministra de “deixar a Lugo fóra do mapa da alta velocidade de España e que Galicia teña unha alta velocidade de segunda. Castiga a todo o norte coa alta velocidade e, a Lugo, singularmente”
O senador socialista por Lugo, Ricardo Varela, denunciou, esta tarde, na sesión de control parlamentario da Cámara Alta que a Ministra de Fomento, Ana Pastor, rexeite o proxecto da Estación Intermodal de Lugo e se limite a afirmar que reformará a actual estación.
Varela interesouse pola evolución do citado proxecto dende a súa firma da adxudicación en 2011 ata a data actual e preguntou á titular da carteira de Fomento “por que minte o seu Ministerio aos senadores cando responden ás preguntas por escrito”. Na súa contestación, a Ministra, en lugar de comprometerse co proxecto da estación intermodal, manifestou a vontade do Ministerio de facer unha reforma na actual estación, o que o parlamentario do PSOE interpreta como un signo máis de que finalmente non haxa AVE para Lugo.
O senador lucense destacou que o Ministerio dá “unha resposta política, cunha clara instrución política de enganar a este senador, a Lugo e aos seus cidadáns”. Neste punto, recordou que en 2011 se asinou un convenio entre a Xunta, o Concello de Lugo e o Ministerio de Fomento para poñer en marcha o proxecto básico da Estación Intermodal de Lugo, cuxa data para rematar se fixou en decembro de 2013 (en total, un proxecto con 27 meses de execución).
Ricardo Varela sinalou que durante este tempo, os socialistas preguntaron polo proxecto e engadiu que o Ministerio “nos respondía cun pase toureo”. Non obstante, puntualizou que a través dun informe, se descubriu que no verán de 2012 o Goberno decide, sen comunicalo, aprazar durante 12 meses a terminación do proxecto. E en outubro dese mesmo ano decide suspender o proxecto, páganlle á empresa a parte executada e suspenden definitivamente proxecto.
Varela recalcou que “o Ministerio minte” porque seis meses despois preguntou ao mesmo Ministerio polo proxecto e a resposta ofrecida foi que “ese proxecto está en fase de redacción”, cando levaba un ano suspendido. “Menten porque en decembro de 2013 o Alcalde de Lugo foille visitar e lle preguntou pola estación intermodal. A súa resposta foi “que estaba moi ben e que en xaneiro se desprazarían uns técnicos ao Concello de Lugo para explicar como se encontraba o proxecto”. O alcalde, asinante do convenio, non soubo que unha das partes (o Ministerio) o eliminara unilateralmente. Os cidadáns de Lugo tampouco sabían que se suspendera”.
O senador galego pediu a Ministra “que recupere á suspensión do tramo de Pobra de San Xiao de alta velocidade onde mandou paralizar e levantar un muro redondo e con asas”. Decidiu deixar a Lugo fóra do mapa da alta velocidade de España e que Galicia teña unha alta velocidade de segunda. Castiga a todo o norte coa alta velocidade e, a Lugo, singularmente”, concluíu.