Os populares votaron en contra da da moción presentada polo senador, que foi debatida hoxe, e na que os socialistas instaron ó Ministerio de Fomento a acatar as cláusulas de temporalidade establecidas no concurso que adxudicou o proxecto en abril de 2011, froito do convenio de colaboración subscrito a tres bandas polo Ministerio, Xunta de Galicia e Concello un ano antes

Dado que o Goberno se desvincula claramente desta infraestrutura, e logo de que Ana Pastor anunciase que ten pensado retomar este asunto en xaneiro, Varela asegura que “o que puidemos constatar é que os compromisos da Ministra tan só duran 24 horas”, pois os prazos fixados para a súa presentación“están sobrepasados”, o que provoca que a empresa adxudicataria tamén esté incumprindo o acordo

O socialista amosa a súa prepocupación pola proposta de Fomento, que inclúe a execución dunha conexión rápida que conecte Lugo con Ourense, pois supón o preludio da desaparición da alta velocidade. “O railito que pretenden facer é a acta de defunción definitiva do AVE a Lugo”

O Partido Popular confirmou este mércores no Senado que non só non ten vontade política de construír a Intermodal de Lugo senón que se opón claramente á súa execución. Proba de que o Goberno Central se desvincula deste asunto, é que os populares votaron en contra da moción presentada polo senador lucense -Ricardo Varela- na que se pedía ó Executivo estatal que presentase de forma inmediata o proxecto, así como fixar prazos para a súa construción e data de remate da obra para a posterior posta en servizo.

Deste xeito, tendo en conta o rexeitamento manifesto do Partido Popular e logo das declaracións realizadas pola titular de Fomento –Ana Pastor- no día de onte sobre o futuro desta infraestrutura, Varela resposta alto e claro: “demóstrase que os compromisos da Ministro tan só duran 24 horas”. Neste senso, subliña que “é inadmisible que digan que van retomar o proxecto cando os prazos fixados no concurso están sobrepasados, o que provoca que a empresa adxudicataria do mesmo esté incumprindo as cláusulas do acordo. Por tanto, non hai nada que retomar. Só se trata de levar a cabo o que marca o convenio, nin máis nin menos, que é que se acaten as cláusulas de temporalidade establecidas no concurso”. conclúe.

“A acta de defunción do AVE a Lugo”
Así mesmo, o socialista asegura que, o anuncio de Fomento de construír unha conexión rápida que conecte Lugo con Ourense, “supón o preludio da desaparición da alta velocidade. O railito que pretenden facer é a acta de defunción definitiva do tren de Alta Capacidade a esta provincia”.

A este respecto, Ricardo Varela precisa que “non só non teñen pensado facer esta infraestrutura ó incumprirse os tempos de seguemento da execución e control da mesma, senón que se elimina directamente calquera posibilidade de que chegue o AVE”.

Non hai nada feito e xa pasaron máis de 30 meses
Tal e como figuraba no acordo subscrito, a nova Estación Intermodal de Lugo daría resposta ás necesidades de interconexión co resto de nodos de transporte e sistema xeral para garantir a plena mobilidade no seu contorno. Co protocolo asinado en agosto de 2010 –un ano antes de que se puxese en marchar o estudo de construción- dábase o primeiro paso para a execución desta infraestrutura, o que impulsou a incorporación de Lugo á rede ferroviaria de alta velocidade e constituíu unha iniciativa estratéxica para o desenvolvemento territorial e económico de Galicia, garantindo a mobilidade dos cidadáns.

En outubro dese mesmo ano (2010) licitouse o concurso da redacción do proxecto básico por importe de 771.000 euros. Posteriormente, en abril de 2011, adxudicouse o documento por valor de 626.301 euros, establecéndose o prazo máximo de 27 meses para presentalo. Esta decisión viña motivada por unha dobre razón, por unha banda, habilitar unha estación de ferrocarril adaptada e adecuada para o tren de Alta Velocidade que previsibilimente estará en uso proximamente e, pola outra, concentrar nun só punto as instalacións de transportes de viaxeiros dispersas na actualidade na cidade, facilitando en boa medida a eliminacdión do “tallo”, que hoxe supón a estación de RENFE en Lugo, e en toda a zona norte.

“É dicir, de todo isto non só non hai nada feito, senón que hoxe puidemos constatar que nin tan sequera hai intención de facelo. A Ministra de Fomento queda ó descuberto. Non ten sentido que diga que os técnicos van vir a Lugo en xaneiro cando non hai nada que estudar, o único que vai conseguir é que se perda máis tempo en revisionismos e estudos innecesarios para parecer que o Goberno avanza no proxecto, pero a realidade é que nin teñen pensado, nin queren facer a Intermodal”, apuntou Ricardo Varela.

Un proxecto de gran envergadura
Na Intermodal integraríase a estación ferroviaria de alta velocidade cos demáis sistemas de transporte urbano e interurbano para facilitar o intercambio entre os usuarios de ferrocarril e outros modos de transporte. Ademais, o protocolo, respectando a ubicación estratéxica no espazo urbano da actual estación ferroviaria de Lugo, determinaba a necesidade de optimizar recursos, integrando os servizos de hostalería, aparcamento, equipamentos de oficiñas e comerciais nas instalacións actuais cos previstos na remodelación futura.

Máis concretamente, o documento asinado establece a remodelación do feixe de vías existente para a súa adaptación á chegada da alta velocidade e a construcción dun novo edificio de viaxeiros, que se integre no actual, así como a remodelación do conxunto de instalacións ferroviarias para favorecer a intermodalidade cos demais sistemas de transporte. Neste senso, tamén se prevía a construción dun novo edificio para a estación de autobuses. Asemade, era intención das partes a integración na trama urbana dos terros colindantes ó trazado que se liberen.

Polo que respecta, ó financiamento da actuación, o Ministerio de Fomento encargaríase da nova estación de alta velocidade e do 50% dos custes do desenvolvemento urbanístico do seu contorno; a Comunidade Autónoma asumiría o custe da nova estación de autobuses, así como o do 50% das actuacións de reurbanización do contorno que, no seu caso, sexan necesarias para a loxística da Estación Intermodal; e o Concello de Lugo asumiría o importe das actuacións de reurbanización do contorno da actual estación.