Ricardo Varela e Pérez Herraiz cren que a xestión do Goberno Central da crise produciu que o 7,4% das familias lucenses con fillos sufran unha pobreza severa - PSdeG-PSOE de LUGO

Ricardo Varela e Pérez Herraiz cren que a xestión do Goberno Central da crise produciu que o 7,4% das familias lucenses con fillos sufran unha pobreza severa

Esta porcentaxe correspóndese cos 8.500 fogares da provincia con todos os membros activos en paro. En Galicia, o risco de pobreza elévase ata o 27,4% en fogares con menores de dezaséis anos

Con estes datos, claramente alarmantes, o senador por Lugo relacionou esta situación coa taxa de desemprego e os recortes aplicados polo Executivo de Rajoy nestas prestacións que, en 2014, ascenderon a 4.000 millóns. Neste senso, reclama “un pacto de estado” contra a pobreza infantil, ao tempo que rexeita a reforma local que pretende levar a cabo o Executivo Central, pois supón suprimir servizos sociais nos concellos

A deputada no Congreso destaca a necesidade de que o Executivo Central reverta esta situación, incrementado as axudas á infancia e á familia e, especialmente, recuperando o Estado de Benestar tan deteriorado polas políticas dos Gobernos do Partido Popular

Co fin de atallar o problema, os socialistas presentaron ou están a presentar nas Cortes Xerais, pero tamén nas cámaras autonómicas e nos concellos distintas iniciativas. Nas emendas aos Orzamentos estatais reclamaron un plan de loita contra a pobreza infantil, aumentar o subsidio por desemprego para parados de máis dun ano con fillos, así como o aumento da prestación por proxenitor e do límite de ingresos por axuda

O senador por Lugo –Ricardo Varela- e a deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz- culpan ao Goberno Central da “nefasta” xestión que está a facer da crise económica, e que está a provocar que máis de 2 millóns e medio de nenos do noso país estean baixo o umbral da pobreza. No caso da provincia, a porcentaxe das familias lucenses con fillos que sofren unha pobreza severa sitúase no 7,4%.

Esta proporción, subliñan, correspóndese cos 8.500 fogares da provincia con todos os membros activos en paro. No caso da Comunidade Autónoma, a porcentaxe elévase ata o 27,4% en fogares con menores de dezaséis anos. Deste xeito, con estes datos, claramente alarmantes, o senador por Lugo relacionou esta situación coa taxa de desemprego e os recortes aplicados polo Executivo de Rajoy nestas prestacións que, en 2014, ascenderon a 4.000 millóns. Neste senso, reclama “un pacto de estado” contra a pobreza infantil, ao tempo que rexeita a reforma local que pretende levar a cabo o Executivo Central, pois supón suprimir servizos sociais nos concellos.

E é que, tendo en conta que un de catro nenos están en risco de pobreza e que Rajoy só investiu 1 euro por cada caso que se atopa nesta situación, Ricardo Varela avoga por abordar o problema “dunha forma seria, rigorosa e duradeira, xa que é unha cuestión non só de xustiza social interxeracional, senón que é un problema económico fundamental para o nosa provincia. Estamos comprometendo o crecemento de Lugo, hipotecando o futuro e o potencial desenvolvemento económico de moitos nenos e nenas, pois moitos destes que hoxe son pobres non terán unha oportunidade no futuro de desenvolverse”, afirma.

Neste senso, o socialista indicou que “non só hai que traballar no plano coxuntural, senón tamén a nivel estrutural dende a prevención, a promoción e garantir unha boa protección social e un bo nivel salarial ás familias”. Varela apuntou, ademais, que o Goberno non pode evadir as súas responsabilidades neste asunto, polo que “neste escenario de emerxencia social, tampouco se pode permitir facer unha reforma local que supoña suprimir servizos sociais nos concellos”, destaca.

Reverter esta situación
Con estes datos, “que dan fe da tráxica situación pola que están a pasar moitas familias españolas e á que tampouco son alleos os fogares de Lugo”, Pérez Herraiz destacou a necesidade de que o Executivo Central reverta esta situación, incrementado as axudas á infancia e á familia e, especialmente, recuperando o Estado de Benestar tan deteriorado polas políticas dos Gobernos do Partido Popular.

Os efectos da pobreza infantil son altamente prexudiciais e relaciónanse con problemas de saúde na idade adulta. O impacto da mala nutrición ou a falla de estímulos educativos en idades temperás pode ter consecuencias de difícil e custoso arranxo, comprometendo non só o futuro deses nenos e nenas, senón o de todos, pois diminúe a capacidade económica e produtiva do país. É por este motivo, polo que os socialistas, destaca Herraiz, xa presentaron ou están a presentar nas Cortes Xerais, pero tamén nas cámaras autonómicas e nos concellos toda unha serie de iniciativas que permita atallar este grave problema.

Emendas nos Orzamentos do Estado
Dada a gravidade da situación, a deputada no Congreso destaca que o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha serie de emendas para recuperar o investimento social nos nenos. Deste xeito, as medidas propostas polo PSOE foron as seguintes: poñer en marcha un plan de loita contra a pobreza infantil, dotado con 1.000 millóns de euros; establecer o subsidio por desemprego para parados de máis dun ano con fillos ao seu cargo en 426 euros máis 100 por fillo; aumento das prestación por fillo de 291 euros a 600 euros/ano; aumento do límite de ingresos por prestación de 11.500 a 14.000 euros; recuperación do Plan Educa 3 con 50 millóns de euros; e integración educativa dos nenos inmigrantes, cunha partida de 60 millóns de euros.