O senador do PSOE por Lugo recorda a promesa incumprida de Rajoy, que asegurou que non rebaixaría as prestacións por desemprego, e asegura que dende que o PP chegou ao poder, non deixou de reducir as devanditas prestacións, especialmente os subsidios previos á xubilación

Asegura que o Partido Popular oculta a porcentaxe de parados que recibe prestacións no noso país en relación coa Enquisa de Poboación Activa

O Secretario na Comisión de Emprego e Seguridade Social e senador por Lugo, Ricardo Varela, interpelará ao Goberno na sesión plenaria da Cámara Alta da próxima semana e pedirá á Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, que informe a Cámara sobre como entende na súa acción de goberno o artigo 41 da Constitución, como explica a evolución en materia de protección por desemprego nos últimos 27 meses e cales son as súas perspectivas nesta materia.

Varela recordou as palabras de Mariano Rajoy no debate previo ás eleccións xerais de 2011, no que insistiu en subliñar que non reduciría as prestacións por desemprego e cualificou de “insidia” as acusacións do entón candidato socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba, que apostaba por unha inminente rebaixa do subsidio dos parados.

O parlamentario do PSOE destacou que, despois do enfado de Rajoy e dende a chegada do PP ao poder, o Goberno non deixou de reducir as devanditas prestacións, especialmente os subsidios previos á xubilación e os provenientes do traballo a tempo parcial.

Neste sentido, detallou que no mes no que se produciu o debate, se aprobaron 12.514 altas iniciais dese subsidio e un ano despois, en novembro de 2012, as altas iniciais de reduciron a 6.837. “Como ao parecer aínda debían consideralas excesivas, ironizou, o Goberno realizou un novo recorte e, en novembro, de 2012, “se deron de alta inicial 5.008 persoas”.

Ricardo Varela explicou que oficialmente o método para determinar o número de parados existente é a Enquisa de Poboación Activa, un estudo que conta cun módulo no que se establece se un parado percibe ou non prestacións.

Por outro lado, recordou que o artigo 41 da nosa Constitución establece que “Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para todos” os cidadáns”, “que garanta a asistencia e prestacións sociais abondo ante situacións de necesidade, especialmente no caso de desemprego,”.

Varela indicou que para verificar a exactitude do comprometido polo PP e contrastalo co realizado ata agora, é preciso descubrir “cantas persoas consideradas paradas pola EPA están a percibir prestacións e cantas non, no primeiro trimestre de 2014, así como no primeiro trimestre de 2011, 2012 e 2013,”.

O senador galego tamén pediu ao Goberno que aclare as súas previsións respecto da eventual modificación da regulación de prestacións para dar cobertura ás persoas que hoxe en día están fóra.