Os socialistas presentaron un veto á totalidade da lei, 16 vetos ás seccións e un total de 1.206 emendas
Varela cuestiona que o PP rexeite a inclusión nos Presupostos da Rolda Norte e a estación intermodal de Lugo
Tampouco haberá fondos para a Autovía Lugo-Santiago, o corredor San Cibrao-Barreiros ou a variante da Pobra e San Xiao
O senador socialista por Lugo, Ricardo Varela, subliñou que, a pesar de que o PP tivo a oportunidade no Senado de demostrar a súa aposta por Lugo “preferiu rexeitar todo o conxunto de emendas presentadas polo Partido Socialista para mellorar o desenvolvemento de Lugo” xa que vetou infraestruturas tan importantes como a Rolda Norte ou a estación intermodal de Lugo.
Con estas emendas, o PSOE buscaba, ademais, que se habilitase nos presupostos un investimento adicional de 2 millóns de euros para os tramos da Autovía A-54 Arzúa-Melide e Melide-Palas. O parlamentario socialista apuntou que era necesario aprobar estas propostas de modificación “para que tivesen unha dotación suficiente e poder contratarse ó longo do 2014” e recordou que hai uns meses o Goberno incluíu tramos desta autovía aínda sen executar nun contrato de conservación e explotación. “Queren explotalos e conservalos, pero non habilitan fondos para construílos, apostilou.
Varela lamentou que tampouco se aprobase a emenda socialista para o Corredor de San Cibrao-Barreiros e a Rolda Norte de Lugo e puntualizou que “o PP non cre na cohesión territorial e, por iso, esquece nos caixóns do ministerio estas obras”. Tamén criticou que non se aceptasen emendas destinadas a garantir a seguridade viaria en Lugo e indicou, neste sentido, que “solicitamos incorporar un millón de euros para a conservación de estradas na provincia e o rexeitaron. Non investir en conservación é un erro de futuro”.
O senador lucense recordou que “dende que o PP regresou ó Goberno non só non houbo ningún avance nas obras en marcha da variante da Pobra e San Xiao, senón que se introduciu un atraso ata o ano 2017”. Por outra parte, matizou que o PP volveu impedir que prosperen as emendas socialistas que “demandaban un investimento adicional de 2 millóns de euros para as obras desta variante na futura liña de alta velocidade a Ourense”, ó tempo que rexeitan tamén un investimento de 1,5 millóns para a estación intermodal de Lugo. “Están a abandonar todos os proxectos aprobados polos socialistas e enterra calquera posibilidade de futuro ó rexeitar agora estas emendas”, concluíu.