Adxúntanse os audios da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ao respecto da xudicialización impulsada polo Partido Popular do expediente da Fábrica da Luz, rexeitando as difamacións de oscurantismo polas que se rexe o proceso, así como que exista vontade de demoralo.
Precisamente, o Concello de Lugo, que leva informando dos distintos avances dados no mesmo dende o seu inicio, anunciaba a semana pasada que viña de caducar o expediente e que volvía incoalo para dotalo de maior seguridade xurídica ao detectarse un incumprimento dos prazos de resolución, xa próxima.
A orixe desta circunstancia atopábase na xurisprudencia aplicada por error. Xa que, se ben o expediente se rexeu polo artigo 36 da Lei 40/2015, do un de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público, que establece un período de resolución de 6 meses para este tipo de causas, existe un ditame posterior da Sala do Contencioso – Administrativo do Tribunal Supremo (número 1366/2021, de 24 de novembro de 2021) segundo o cal, o prazo máximo actual para finalizalas se acouta a tres. De ser así, o procedemento inicial – que data do mes de maio – se entendería deciduo dende o 28 de agosto, polo que a Asesoría Xurídica estimou convinte declarar a caducidade do mesmo e iniciar un novo proceso, incorporando todos aqueles actos e trámites realizados no seo do anterior, tanto por parte do instrutor como da secretaria, cuxo nomeamento tamén se mantén.
Cómpre sinalar que se trata dun expediente moi complexo, integrado por miles de folios cuxa extensión condicionou a súa abordaxe con maior celeridade, pero que xa foi analizado na súa totalidade e que se atopa a piques de concluír.