Os concelleiros do Partido Popular de Lugo só teñen que acudir ás dependencias municipais para acceder a canta información precisen

A Tenente de Alcalde e Concelleira de Economía, Sonia Méndez, considera “un despropósito froito do seu nerviosismo” as declaracións que fixo hoxe o Voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, respecto do acceso á información municipal por parte da oposición.

“O que sucede é que señor Castiñeira e o seu grupo están pluriempleados e non teñen tempo para adicarlle ó Concello, por iso pretenden que se lles dea o traballo feito no lugar de cumprir con Lugo, como é a súa obriga”, manifestou Méndez.

A Tenente de Alcalde explicou que “en Lugo, os concelleiros da oposición demostran a diario, coas súas declaracións públicas, que teñen acceso a toda a información municipal, mesmo para utilizala de xeito sesgado como fan a cotío”. “Outra cousa é que pretendan que lles fagamos os demais o seu labor, incluídos os traballadores municipais, ós que continuamente poñen en dúbida e ós que o seu partido vai deixar este ano sen paga de Nadal”, sinalou Méndez.

Sonia Méndez engadiu que “como ben sabe o Partido Popular, o acceso dos concelleiros á información quedou establecido no Regulamento Orgánico Municipal e do Pleno, e para obter a información o concelleiro non ten máis que ir consultala á dependencia na que ese expedente está depositado”.

Ademais, Méndez recomendoulle a Jaime Castiñeira que “se quere dar leccións de transparencia a alguén, debera comezar por darllas ó seu propio partido, suxírolle que inste ó Goberno de Mariano Rajoy a informar con claridade ós cidadáns das medidas de recorte que adopta cada venres, xa que, co Goberno do PP só nos enteramos dos recortes que fai e que tanto nos afectan lendo o Boletín Oficial do Estado”.

Sonia Méndez considera que as declaracións do Voceiro do Grupo popular “obedecen únicamente á desesperación que lle causa a Jaime Castiñeira o feito de que, por máis que se esforce, a súa mensaxe catastrofista non está a ter eco ningún na veciñanza”.

Por último, Méndez instou a Castiñeira “a traballar máis pola cidade e a facer propostas construtivas no lugar de desgañitarse coas súas declaracións apocalípticas”.