Lara Méndez pediu o apoio dos lucenses para os socialistas nun encontro cos veciños en Camoira, posto que “somos os únicos capaces de sacar a este país do atraso que supuxo a dereita”

“Unha política baseada nos dereitos das persoas. Esa é a aposta do PSOE para as eleccións xerais”. Así o subliñou este venres a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nun encontro que mantivo cos veciños e veciñas na escola da parroquia de Camoira, onde lles transmitiu algunhas das prioridades do programa electoral socialista. Neste senso, Méndez indicou o compromiso do PSOE por establecer as medidas necesarias para dotar ao Servizo de Atención á Dependencia do financiamento necesario, asegurando o mantemento da taxa de reposición, e garantindo a incorporación ao sistema de todas aquelas persoas valoradas no grao I de Dependencia Moderada, ou que se atopen na “lista de espera”.

“Necesitamos un Goberno sensible coa protección social e non un Goberno letal co benestar”, asegurou a rexedora, ao tempo que lembrou que máis de 100.000 dependentes faleceron dende 2012 esperando unha axuda recoñecida polo Estado. A líder dos socialistas avanzou que “os dependentes están a pór máis diñeiro do seu peto que a Administración Central para ser atendidos”, posto que a porcentaxe que aporta o Estado reduciuse dun 54 a un 17,9% nos últimos anos, máis de 2.000 millóns de euros, diminuíndo as prestacións e aumentando o copago dos usuarios nun 32%.

No encontro, Méndez pediu o apoio dos lucenses para os socialistas, posto que “somos os únicos capaces de sacar a este país do atraso que supuxo a dereita. En materia de liberdades, a dependencia, a educación pública e a sanidade universal sufriron o tixeretazo do PP”.

Lara Méndez continuará coa visita ás parroquias lucenses durante a campaña electoral, reuníndose mañá cos veciños e veciñas na escola de Coeses, ás 20:00 horas, e na escola de Santiago de Sáa, ás 21:30 horas.