O Executivo local lamenta que, tras seis meses de espera polo pronunciamento do ente autonómico, este chegue con condicións, sobre todo tendo en conta que a memoria técnica xa respectaba as indicacións que avanzara a Xunta no seu día, nun informe previo onde dera autorización ás obras inicialmente previstas e nas que xa se contemplaban – ao igual que noutras intervencións como foi a da Calzada da Ponte – a utilización de materiais e técnicas coherentes co encadre histórico e o valor patrimonial do ámbito.
O Goberno municipal incidiu na importancia que esta intervención terá para a rexeneración da contorna coa que a rexedora, Lara Méndez, pretende ennobrecer os accesos do Camiño Primitivo coa Muralla a través dunha plataforma única na que se integrarán a rúa, a praza, a Capela do Carme e o Museo co propósito de revalorizar a zona e incentivar ás e aos propietarios a rehabilitar os edificios.
O Concello sinala tamén a necesidade de adxudicar canto antes a contratación dos traballos que se sufragarán con financiamento europeo “o que esixe a maior das dilixencias e axustarse aos prazos previstos para non perder os fondos concedidos, de aí o noso chamamento ao organismo autonómico en outubro para que non adiase máis a súa resolución”.