Representan o 10% da poboación que ten o poder adquisitivo máis elevado, e correspóndenlles, segundo a modificación aplicada polo Executivo, 46 millóns de euros. Ao 90% restante (147.000 contribuíntes) a cantidade asignada é de 31 millóns
Esta é unha das graves consecuencias que supón para as rendas medias e baixas lucenses a reforma fiscal do Goberno Central, e que forma parte, segundo explicaron a deputada e o senador socialista, dun plan perfectamente deseñado e co que o PP persegue desmontar o estado de Benestar, reducir os salarios e promover un reparto inxusto e desigual do poder adquisitivo dos cidadáns
Defenden que a reforma de Montoro non servirá para dinamizar a economía e que afectará gravemente a unha provincia como a de Lugo que, con 651 euros, ten unha das pensións máis baixas de España
A deputada no Congreso e o senador por Lugo Margarita Pérez Herraiz e Ricardo Varela- denunciaron este venres as graves consecuencias que supón para as rendas medias e baixas da provincia as políticas fiscais do Goberno Central. Como exemplo destas medidas que recaen no esforzo directo dos cidadáns, pero que están deseñadas para beneficiar única e exclusivamente ás rendas altas, os socialistas citaron a modificación do IRPF.
Neste senso, Ricardo Varela precisou que este imposto, que vai ter unha redución total de 9.000 millóns de euros; unha cantidade, por certo, moi semellante ao que incrementa en impostos indirectos, ten unha característica fundamental e un perfil moi claro: que se fai para que os que participan menos desa tarta sexan as rendas máis baixas. E é que deses 9.000 millóns, 5.400, é dicir, o 60%, quedarán nas mans do 10% da poboación que ten o poder adquisitivo máis alto. No caso concreto de Lugo, esta redución é de 78,3 millóns de euros, dos que 46 millóns recaerán no 10% dos contribuíntes, ou o que é o mesmo, en 16.000 cotizantes e, os 31 millóns restantes, no 90% da poboación restante; é dicir, en 147.000 contribuíntes.
Para conseguir isto, explicou que o que está a facer o Executivo é, primeiro, substraer parte das rendas de grandes capas da poboación, reducíndoas en base aos copagos, á diminución de prestacións sociais que, por certo, teñen que asumir as familias e, segundo, modificar o sistema fiscal, afectando fundamental e negativamente ás rendas medias e baixas. Este é o itinerario e a folla de ruta do Partido Popular para estes catros anos, e que está levando milimetricamente con medida tras medida, e que agora quere culminar coa reforma fiscal, destacou.
Por este motivo, considera que o PP está levando ata o límite as súas políticas que son cargar a crise nos máis débiles, nos salarios, nas políticas sociais, e nas rentas medias e baixas. Isto forma parte do deseño ideolóxico do Partido Popular. O PP si que fai unha loita de clases. Por iso, presentamos iniciativas no Senado e no Congreso contra esta política inxusta. Sabemos que o PP ten a maioría absoluta e que non ten nin a máis mínima vontade de pacto con ninguén, pero nós seguiremos plantexando alternativas fiscais, porque non podemos esquecer que fiscalidade significa que, a través das nosas contribucións, é como cada un, en función da súa capacidade, debe de contribuír á saída da crise. Deben de poñer máis os que máis teñen, e menos os que menos teñen, concluíu.
Deste xeito, considera que a modificación que fai o Goberno da fiscalidade en canto aos impostos directos racha e desbarata o seu discurso para que a austeridade e os recortes se impoñan nas súas medidas. Por unha banda están dicindo que non hai recursos e que por iso son necesarios os recortes e, pola outra, que van baixar os ingresos do Estado. Son dous discursos dificilmente compatibles. A trampa está en que o que está a facer o PP é mermar os ingresos dunhas capas determinadas da poboación, ao tempo que incrementa os ingresos estatais para todos coa suba de impostos indirectos como o IVE, afirmou.
Plan deseñado
A redución do IRPF, así como o resto de medidas fiscais impostas polo Goberno Central, resposta, segundo afirmaron os socialistas, a un plan, perfectamente deseñado, co que o Partido Popular persegue tres obxectivos fundamentais: primeiro, desmontar o Estado de Benestar; segundo, reducir os salarios, transferindo rendas dos traballadores ás rendas empresariais; e terceiro, promover un reparto inxusto e desigual do poder adquisitivo dos cidadáns.
No caso concreto dos salarios, Ricardo Varela precisou que, nos dous anos que están estudados ata o de agora (2012-2013), co Goberno de Rajoy, en España estes diminuíron en 48.000 millóns de euros. Só, na provincia de Lugo, esta cifra xa ascende a 360 millóns.
Non se dinamiza a economía e prexudícase aos pensionistas
A deputada no Congreso Margarita Pérez Herraiz- defendeu que a política fiscal do Goberno de Rajoy non dinamiza a economía, pois os que máis teñen non van gastar máis porque teñen unha rebaixa fiscal, e os que teñen menos cada vez teñen peores servizos e pagan máis impostos. Tal é así que, segundo explicou, a previsión da Unión Europea e da maioría dos analistas económicos, é que a reforma anunciada por Montoro suporá un incremento do déficit do 1% do PIB.
O ministro di que ten un dinerillo que lle permite facer esta rebaixa, pero este débese aos recortes tan drásticos que están a facer en Sanidade, Educación, dependencia, etc. A situación empeora nunha provincia como a nosa, que ten as pensións máis baixas non só de Galicia senón tamén de España. Concretamente, en Lugo existen 119.545 pensionistas, que cobran de media pouco máis de 651 euros, polo que esta reforma, que aumenta os seus impostos indirectos, vai provocar unha regresión na súa economía e no seu poder adquisitivo, defendeu Pérez Herraiz.