O senador e o Alcalde lamentaron a falta de compromiso do Goberno con estas actuacións ó recoñecer o Secretario de Infraestruturas na Cámara Alta que só existe un estudo de análise e solución das mesmas, sen precisar nin cando se van levar a cabo nin cando está previsto o seu remate

Os accesos da cidade coa autovía Lugo-Santiago continúan sendo unha irrealidade logo de que o Executivo Central afirmase que non foi quen de avanzar na redacción do proxecto dende hai dous anos, é dicir, dende que se produciu o cambio de goberno no Ministerio de Fomento

O desdobramento da Ronda Norte segue no aire ó indicar que se analizarán as actuacións a desenvolver como consecuencia do incremento do tráfico, debido á apertura do Hospital e ó polígono das Gándaras, obviando así a petición do Concello de construír unha pasarela que permita ós cidadáns non circular pola beiravía da estrada nesta zona de tanto perigo

Lamentan que o proxecto da estación intermodal se atope na mesma fase que cando José Blanco deixou a carteira de Fomento, e aseguran que “hai ordes políticas de paralizalo nun caixón, e que durma aí o sono dos xustos”

O senador lucense, Ricardo Varela, acompañado do Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosaron este xoves a profunda preocupación do Partido Socialista ante a falta de compromiso do Goberno Central para as infraestruturas que o Ministerio de Fomento ten pendentes coa capital lucense, tal e como se desprende da resposta dada polos representantes deste departamento, concretamente o Secretario de Estado de Infraestruturas –Rafael Catalá Porto- no Senado.

Deste xeito, Ricardo Varela lamentou que o Goberno Central non teña ningún tipo de previsión sobre estas actuacións, e que non fose capaz de concretar os prazos nos que o Executivo estatal ten previsto acometer o desdobramento da Ronda Norte, executar os accesos da cidade coa autovía Lugo-Santiago, rematar a A-54 e construír a estación intermodal. Trátase, pois, segundo indicaron, de infraestruturas vitais para o veciños de Lugo, pero que, lamentablemente, non experimentaron ningún avance nos últimos dous anos, é dicir, dende que se produciu o cambio de goberno no Executivo estatal.

“A conclusión que sacamos é que durante dous anos non se fixo nada destes proxectos. As contestacións que dan, ademais de ser vagas e imprecisas, falan do que se vai a facer no futuro. Foron 24 meses perdidos. Das preguntas que realizamos ó Ministerio de Fomento o primeiro que atopamos foi obstruccionismo, é dicir, o goberno tratou de ocultar información sobre o que estaba pasando con estas actuacións”, concluíu o senador.

Pola súa banda, o rexedor municipal subliñou que “só se trata de pedir para Lugo o que é de xustiza para a nosa cidade, xa que son infraestruturas que ademais serven para xerar traballo. Eu persoalmente lle reiterei á Ministra a miña petición para entrevistarme con ela. Volvereino a facer porque hai compromisos que é necesario cumprir”.

A conexión autovía Lugo-Santiago segue sendo unha incógnita
A conexión da autovía Lugo-Santiago segue sendo unha incógnita, pois o Secretario de Infraestruturas tampouco foi quen de concretar se o Ministerio levou a cabo algún estudo para os accesos da nova ponte de Lugo e a súa conexión coa A-54. Proba delo é que só indciou que o único que pretende o Goberno é “sacar o proxecto a información pública en 2014”.

Por elo, Varela, na súa comparecencia no Senado solicitou, unha vez máis, que o Ministerio debe de executar, en paralelo á autovía, un enlace dende a ponte nova sobre o río Miño á autovía, xa que do contrario “o que nos imos atopar é que se van xerar os tráficos nas zonas que xa están conxestionada”.

Así mesmo, criticou que “o único que dixeron foi que o proxecto está en fase de redacción. Resulta que este se atopa no mesmo estado dende hai máis de dous anos, polo que o que queriamos saber é se esta infraestrutura que lle costou moito diñeiro ó Ministerio e, polo tanto, a todos os cidadáns, vai estar conectado coa cidade de Lugo dunha maneira razoable”. Neste senso, tal e como figura na acta da sesión plenaria “non sei se deron algunha instrución para demorar a redación desta proxecto, pero dende logo esa é a sensación que temos, xa que non se trata dunha iniciativa de gran envergadura, pois simplemennte se trata de conectar e facer fluir o tráfico”.

Con respecto ó grado de execución da autovía, no referente ós tres treitos que están máis avanzados (Vilamoure-Nadela, Monte de Meda-Vilamoure e Guntín-Monte de Meda), o Ministerio fixa a data de remate para 2015 pero, tendo en conta o nivel de execución e os orzamentos previstos para 2014, as obras, asegurou o senador lucense, “non rematarán ata o ano 16 ou 17, e o conxunto da autovía ata o ano 19 ou 20. Isto é o que lle ofrece o Partido Popular a Lugo”.

A estación intermodal, nin está nin se lle espera
Un exemplo claro desta falta de compromiso é a grado de execución do proxecto da estación intermodal. O senador lucense lembrou que o 28 de abril do ano 2011 o Ministerio de Fomento, dirixido naquel momento por José Blanco, adxudicou a redacción do proxecto básico. A día de hoxe, o Goberno non levou a cabo ningún trámite para avanzar neste proceso, polo que o proxecto non sufriu ningunha variación dende aquela data. “Temos a sensación de que ademais de non avanzar hai ordes políticas de paralizalo e de metelo nun caixon, e que durma aí o sono dos xustos. Como non teñen pensado facer o treito do AVE tampouco farán a estación intermodal. O que atopamos é que non se fixo nada, nin un so metro dende que cambiou o goberno en España. É máis, ninguén é capaz de lembrar nos últimos trinta anos unha obra de envergadura que fora posta en marcha polo goberno do Partido Popular en Lugo”, afirmou o socialista.

O desdobramento da Ronda Norte no aire
Con respecto ó desdobramento da Ronda Norte, a resposta dada dende o Ministerio foi tan imprecisa que só indicaron que se analizarán as actuacións a desenvolver no seu caso como consecuencia do incremento do tráfico, debido á apertura do novo Hospital e ó polígono industrial das Gándaras. Tendo en conta que, en ningún momento o Goberno manifestou a vontade política de levar a cabo esta actuación, obviando a petición do Concello de Lugo de construír unha pasarela que permita que os cidadáns non circulen pola beiravía da estrada nesta zona de tanto perigo, Ricardo Varela instou ó Goberno a que asuma o seu compromiso, xa que supón un perigo por falta de iluminación nunha conexión tan importante como o barrio das Gándaras e o polígono industrial.

O PSOE seguirá presionando no Senado
O senador lucense anunciou, ademais, que o Partido Socialista presentará máis iniciativas no Senado para que o Goberno se comprometa con estas actuacións, así como para que se redacten os proxectos do AVE na provincia e as datas de remate sexan homologables ó resto de Galicia, e para que a estación intermodal teña orzamento e data de execución porque “isto é un desprecio absoluto do PP con esta provincia. Para o Goberno e a Xunta de Galicia, Lugo é un coto electoral que non necesita ser cuidado”.