
Lara Méndez convidou aos veciños a apoiar ao Partido Socialista, “o único partido que non infravalora o valor do público”, o vindeiro 20 de decembro en dúas xuntanzas que mantivo en Coeses e Santiago de Sáa
“Votar ao PSOE é recuperar a educación pública e de calidade como un dereito e non como un privileixo”. Así o asegurou este sábado a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en dúas xuntanzas que mantivo con veciños e veciñas en Coeses e Santiago de Sáa, onde lles deu a coñecer algún dos compromisos do programa electoral socialista.
Neste senso, Méndez explicou as diferentes medidas do PSOE en materia de educación entre as que se atopa a firme aposta do Partido Socialista pola educación infantil de 0 a 3 anos cunha amplia dotación de garderías e escolas públicas e asequibles, o compromiso para establecer un financiamento público e uns servizos comúns adecuados para o sistema educativo ata alcanzar un solo común de financiamento dun 5% do PIB en dúas lexislaturas, e coa aspiración de alcanzar o 7% a curto prazo; recuperar as becas e permitir o acceso ou continuidade dos estudos ao alumnado con independencia da súa situación económica, establecendo uns prezos públicos asequibles, incluídas as taxas universitarias.
“Fronte ao concepto de educación como negocio do PP que segrega ao alumnado segundo un modelo elitista e de clases sociais, no PSOE cremos na educación pública e na igualdade de oportunidades”, asegurou Méndez ao tempo que lembrou os recortes comprometidos polo Goberno de Rajoy en materia de educación, pasando dun 4,7 de investimento educativo a un 4%, cando a media europea está situada nun 5,5%.
No encontro, a rexedora convidou aos veciños a votar o 20 de decembro ao PSOE “o único partido que non infravalora o valor do público. A diferenza entre a dereita e os socialistas é que para nós a educación é unha prioridade, un piar fundamental, capaz de permitir o progreso da sociedade, mentres que para o PP é prescindible, pois soamente se lembra dela en época electoral”.
Lara Méndez continuará mantendo encontros coa veciñanza do rural, reuníndose mañá cos veciños de Castelo ás 20:00 horas e cos de Santa Comba ás 21:30 horas.