Núñez subliña que a competencia da prestación do servizo é da Xunta, “como así o acredita o convenio asinado en 2007 polo Concello e a administración autonómica para prestar apoio nos comedores; a lei de Apoio á Familia e á Convivencia de Galicia; e o Decreto de Comedores”

 O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, dá á Consellería de Cultura e Educación “a benvida á solución” e agradece a súa resposta e disposición para abordar a continuidade do servizo de comedores escolares de Lugo, aínda que sexa a través dun comunicado de prensa, e non dunha comunicación institucional como corresponde ao debido respecto entre administracións. Recorda, sen embargo, que a Consellería “tardou 25 días e dous recordatorios” por parte do Concello “en darnos unha cita para tratar este asunto, reunión na que ademais quedou de contestarnos no prazo dunha semana sobre as alternativas posibles, e fíxoo remitíndonos para pedir información á Dirección Xeral de Centros da Consellería de Educación aos 15 días e porque chamamos nós”.

“O que está claro e resulta indiscutible”, asegurou o edil, é que a xestión e prestación deste servizo é da Xunta de Galicia, “como así o acredita o convenio asinado no ano 2007 polo Concello e a administración autonómica para prestar apoio nos comedores; a Lei 3/2011 de Apoio á Familia e á Convivencia de Galicia; e tamén o Decreto de Comedores 132/2013, segundo a cal a xestión integral dos comedores depende da Xunta e, como moito, outras entidades, como ANPAs ou concellos poden ofrecer un apoio”. Manuel Núñez lembrou tamén que a reforma local retira as competencias en materia de educación aos concellos.

Ademais, recalcou, “todo o que ocorre nun centro público depende da Consellería de Educación”. Deste xeito, “quen ten que saber o que sucede nos centros educativos é a Consellería e a Xunta de Galicia, que son quen xestionan os centros públicos e ademais fan a supervisión e vixilancia en materia de industria, traballo, sanidade, hixiene…” “O Concello de Lugo, máis aló de prestar o servizo de apoio aos comedores e actividades extraescolares, non ten capacidade legal para fiscalizar os comedores en centros que non xestiona directamente e en materias nas que non ten competencias”, afirmou.